jueves, 27 de agosto de 2015

San Pedro ad vincula.

Neste mes de novenas e festas, a Unidade de Atención Pastoral de Allariz vive alomenos dúas: a de san Ramón, en Paciños, e a de san Pedro, en Olás.

Como administrador desa parroquia, cercana ó santuario da Armada e a Celanova, cada unha nun extremo distinto, acercareivos un tanto a esta festividade.



O lugar onde se celebra é unha capeliña situada na Barreira de Vilariño, pertencente á parroquia de Olás, concello da Merca. O día propio da festa é o último domingo do mes de agosto, precedida por novena. Neses nove días de preparación, algúns veciños xúntanse para o rezo do santo Rosario e a novena, celebrándose a Misa a continuación. O noveno día é o último sábado do mes. Tanto ese día como o domingo nótase o aumento da xente en torno á capeliña, inda que non todos pola celebración desta devoción. E é que na praciña da Barreira é onde se celebra a festa, con música e bar da comisión, aproveitando moi ben o sitiño. O domingo é o día grande en canto á fe, pois a imaxe de san Pedro encandenado sae en procesión, acompañado por parte da feligresía e música instrumental, amén dos cantos relixiosos que intercalamos, apoiados no coro parroquial.

Imaxe que sae en procesión.
A novena foi cambiando estes anos e a actual é una aportación persoal, a partir de textos litúrxicos da festa dos santos Pedro e Pablo, salmo e predicacións do Papa Benedicto XVI. O sinxelo esquema é o de sinal da cruz, salmo penitencial, oración colecta, meditación diaria, preces e rezo do Credo, recordando como san Pedro é o que nos confirma na fe por mandato divino. É rezada por distintas freguesas, de tal modo que a participación laical está segurada. E non só con este servicio senón, tamén, co rezo do rosario, o canto e as lecturas en Misa. A maiores, axudan na limpeza do lugar, a colocación do necesario para a novena e a megafonía. Se algo nos falta é un lugar e un tempo de confesión durante estes días.

Vistas dende a capela, ó rematar a Misa.
A festa de san Pedro ad vincula, é dicir, san Pedro encadenado, sinálase ou sinalábase como o día un de agosto pero a historia particular levouna para o último domingo deste mes. Hai dúas imaxes na capela que representan ó apóstolo: unha delas no altar e outra nas andas que son levadas en procesión o día da festa. A data e a imaxinería recordan o paso do discípulo pola cadea en Roma e o descubrimento dalgúns restos da mesma. Unha sorpresa que me levei, este mesmo ano, foi saber que son custodiados uns chanzos da mesma nunha igrexa de Roma, dedicaba a san Pedro e que custodia o famoso "Moisés" de Miguel Anxo.

Para saber máis: San Pedro de Vilariño.

(Escrito por Félix Álvarez, sacerdote da Unidade e administrador parroquial de Olás).

No hay comentarios:

Publicar un comentario